Desde hoxe mesmo poderán adquirirse baixo esta vantaxe alimentos para bebé, cueiros, produtos para hixiene infantil, textil bebé e puericultura
A Xunta de Galicia pon á disposición das familias galegas titulares da Tarxeta Benvida un novo desconto directo do 5% nas compras realizadas nos establecementos Carrefour. Esta vantaxe estará dispoñible desde hoxe mesmo tal e como informou hoxe en rolda de prensa o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, quen compareceu acompañado do director Regional Noroeste de Centros Comerciales Carrefour S.
A., Francisco Hipólito Rodríguez e da directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización demográfica, Amparo González.
Esta mellora aplicarase a compras de alimentación de bebé, cueiros, hixiene infantil, textil bebé e puericultura e farase efectiva coa presentación no momento de pago, da Tarxeta Benvida en vigor, do DNI, da tarxeta do Club Carrefour ou Pass e dun cupón que será suministrado polo establecemento ás familias que o soliciten. O desconto do 5% que pode ser de ata un máximo de 20 euros por compra, será válido en hipermercados Carrefour, e supermercados Market de Galicia.
Deste xeito, Carrefour súmase a outras firmas que xa asinaron o acordo de adhesión como Andrea Milano 1932 Pontevedra, as tendas Mi cielo, Mi Mueble BB e Maberopepetit, o Grupo Cuevas, Supermercados Eroski Center, Hipermercados Eroski e Supermercados Familia ou Perfumerías Avenida e tendas Neobel.
O conselleiro de Política Social saudou a adhesión do grupo Carrefour ao programa de extensión de beneficios da Tarxeta Benvida, unha nova vantaxe que “será do máis proveitosa para as familias galegas con bebés recén chegados ao fogar”, asegurou.
A este programa de extensión de beneficios da Tarxeta Benvida poden sumarse as persoas físicas e xurídicas que teñan oficinas ou establecementos de libre acceso ao público na Comunidade Autónoma de Galicia e lle oferten ás familias titulares da tarxeta calquera vantaxe ao presentala nos seus negocios. As vantaxes poden ser de diversos tipos (descontos, obsequios, ofertas especiais,…) e son fixadas libremente por quen as ofrece, debendo ser aplicadas, sen maior requisito, a toda a clientela que sexa titular dunha Tarxeta Benvida.
A Tarxeta Benvida forma parte do Programa de Apoio á Natalidade (PAN Galicia), “un proxecto global que persegue dar resposta ás necesidades dos pais e nais galegos, garantir o benestar das familias e apoialas de xeito integral e continuo desde o primeiro momento”, afirmou Rey Varela durante a súa intervención. Nos anos 2016 e 2017, a tarxeta chegou a 30.035 nenos e nenas. No 2018 convócase por terceiro ano consecutivo esta orde de axudas, que amplía a Tarxeta ata que o neno ou nena cumpra tres anos para aquelas familias con renda igual ou inferior a 22.000 euros durante o segundo ano de vida e ata que o neno ou nena cumpra tres anos nas seguintes contías: 600 euros ao ano, a razón de 50 euros ao mes, se o fillo/a que dá dereito á axuda é o primeiro, 1200 euros ao ano (100 euros ao mes), se o fillo/a que dá dereito á axuda é o segundo; e 2400 euros ao ano en caso de que o fillo que dá dereito á axuda é sexa o terceiro ou sucesivos.
Así mesmo, outra das novidades para este ano é a consideración das especiais circunstancias das persoas galegas que, residindo no exterior, decidan volver a Galicia durante o 2018, para que poidan optar á axuda. Deste xeito, se o seu fillo ou filla nace antes do retorno, gozarán dun prazo de dous meses desde o seu regreso para solicitar a axuda fronte ao prazo xeral de dous meses desde o nacemento ou ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos.
Cómpre destacar que no 2018 a Administración autonómica destina 35,9 millóns de euros para atender todas as solicitudes da Tarxeta Benvida que se reciban e que cumpran cos requisitos establecidos na orde.
O PAN contempla tres grandes áreas de actuación: PAN- Axudas, PAN- Concilia e PAN- Servizos. A través do PAN- Axudas, no que se enmarca a Tarxeta Benvida, a Xunta de Galicia quere contribuír a paliar o custo que leva aparellado a crianza dos fillos e fillas. O PAN- Axudas tamén contén outras medidas compatibles coa Tarxeta Benvida, como o incremento da dedución fiscal por nacemento ou adopción de fillos e fillas para contribuíntes cuxas rendas sexan iguais ou inferiores a 22.000 euros; a prestación de pagamento único por fillos e fillas menores de 3 anos para as persoas que non teñan a obrigación de presentar a declaración da renda; e a exención de pago nas escolas infantís para o segundo fillo ou filla que acuda ao mesmo centro daquelas familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 7500 euros anuais e aos menores en situación de acollemento familiar desde o curso 2014-2015.
- Te recomendamos -