Inicio Galicia A Cidade da Cultura arranca os festexos do ?Día dos Museos? cunha...

A Cidade da Cultura arranca os festexos do ?Día dos Museos? cunha exposición de retratos realizados por estudantes

0

A mostra ‘No Museo, pola cara’ é o resultado dun obradoiro fotográfico impartido por Tamara de la Fuente, colaborada de festivais como PlayDoc ou Curtocircuíto

A Cidade da Cultura de Galicia arranca hoxe venres a celebración durante dúas xornadas do Día dos Museos coa inauguración da exposición No Museo, pola cara. Este proxecto expositivo amosa retratos realizados por un cento de estudantes de 3º da ESO e Bacharelato durante o obradoiro fotográfico, que impartiu a semana pasada por Tamara de la Fuente, directora creativa audiovisual e directora de arte e que ten colaborado en festivais de prestixio como o PlayDoc, Carballo Interplay ou Curtocircuíto.

A esta inauguración asistiu o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, xunto ao secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo Suárez, e a directora de Acción Cultural, María Pereira Otero, acompañados de medio cento dos rapaces e rapazas do IES O Castro de Vigo —un dos catro centros que participaron no obradoiro— coa formadora da actividade, Tamara de la Fuente.

Na súa intervención, o conselleiro de Cultura eloxiou o traballo dos estudantes e o feito de que a formación tivese como referente o fotógrafo Baldomero Pestana, a quen puxo como “exemplo de superación” xa que lembrou que “desde abaixo chegou ao máis alto no eido da fotografía”, en referencia a que se converteu no gran retratista da cultura hispanoamericana de mediados do século XX. Precisamente, o Museo Centro Gaiás acolle desde o pasado 30 de abril unha retrospectiva, realizada conxuntamente co Instituto Cervantes, para rescatar e pór e valor a súa interesante figura e obra, que permanecerá aberta ata o 2 de setembro, ao igual que exposición de No Museo, pola cara.

Román Rodríguez tamén destacou o feito de que a inauguración se faga coincidir co Día dos Museos, unha data que cualificou de “importante” xa que permite lembrar a súa relevancia como “ferramentas ao servizo da sociedade, así como conectar ao público con estas institucións”.

Programación do Día dos Museos no Gaiás ata a medianoiteNeste punto, o conselleiro de Cultura aproveitou para recordar que a inauguración de No Museo, pola cara supón o punto de partida dun amplo programa da Cidade da Cultura para festexar o Día dos Museos con dúas xornadas con horario ininterrompido de 10 da mañá ata a medianoite. En concreto, apuntou que esta mesma tarde xa se organiza unha actividade guiada polo interior do Museo Centro Gaiás para a descuberta de todo o proceso de xestación dunha exposición. Deste xeito, as e os participantes coñecerán como se prepara e executa un proxecto expositivo, tomando como exemplos Baldomero Pestana, a verdade entre as mans e Galicia universal. A arte galega nas coleccións ABANCA e Afundación.

Pechará o primeiro día de celebración a Visita Nocturna á exposición sobre Baldomero Pestana. Trátase dun xeito diferente e distendido de achegarse a arte, na que non faltará boa música, a cargo dunha sesión de DJ, e na que estará aberto o servizo de cafetería do Museo Centro Gaiás.

Maratón de visitasDa programación do Gaiás polo Día dos Museos, o conselleiro fixo fincapé nas variedade de visitas comentadas que se ofrecen, ata 13 modalidades diferentes. Trátase dun xeito de tirar proveito da alta valoración e demanda que este formato rexistra no Museo Centro Gaiás, á vez que recordou que fornecen o lema deste ano: a hiperconectividade.

Por este motivo, a celebración do Día dos Museos potenciará as visitas comentadas para “hiperconectar” co seu público a súa programación cultural e expositiva que, neste momento, recae nas dúas grandes mostras que acolle: Galicia universal. A arte galega nas coleccións ABANCA e Afundación e Baldomero Pestana, a verdade entre as mans. Ambas poderán coñecerse polo miúdo en 13 modalidades diferentes para que cada persoa atope a experiencia que mellor se lle axeite: desde a familiar ou regular; á online, a través das redes sociais da Cidade da Cultura; á versión reducida ou en maratón de 30 minutos; ou incluso de noite, nun xeito distendido e relaxado, como a do venres, que se repite o sábado vencellada a Galicia universal. A arte galega nas coleccións ABANCA e Afundación. O Museo Centro Gaiás ábrese así de todo ao seu público e procura tamén que este se abra a el, pedíndolle a todos e todas aquelas que veñen estes dous días as actividades conmemorativa que compartan cal é a súa obra ou peza favorita das exposicións. Impresións e valoracións ás que lle daremos voz e visibilidade polas redes sociais (Facebook e Instagram) da Cidade da Cultura.

A celebración contará durante estes dous días cun photocall baseado nunha das pezas artísticas que acolle o Museo Centro Gaiás co obxecto de vivir dun xeito activo e tamén lúdico a arte, e darlle carácter de festexo ao Día dos Museo. Así, animarase á xente a facerse unha foto e compartila nas redes sociais empregando o cancelo #DIMGaiás2018. Toda a información da programación do Día dos Museos está dispoñible na páxina web www.cidadedacultura.gal.

Máis de 50 actividades durante a semanaO conselleiro aproveitou este acto para recordar que a celebración do Día dos Museos esténdese máis aló do Gaiás. Así, remarcou que os museos xestionados pola Xunta de Galicia están a ofrecer ao longo de toda esta semana “un amplo programa” de actividades para todos os públicos.

Ao respecto, salientou as xornadas de portas abertas, visitas guiadas, concertos, obradoiros, conferencias ou exposicións que suman “máis de 50 actividades”. “O que queremos desde a Xunta de Galicia e abrir as portas e as fiestras dos nosos museos e dalos a coñecer entre todos os públicos, entre os que xa sodes usuarios e usuarias e visitantes dos museos e entre aqueles que aínda non o son, pero esperamos que cheguen a selo”, concluíu. 


- Te recomendamos -