Inicio Galicia Turismo de Galicia promove a Comunidade galega como destino para a organización...

Turismo de Galicia promove a Comunidade galega como destino para a organización de congresos na feira Imex de Frankfurt

0

O departamento de promoción turística da Xunta participou neste certame en Alemaña e a próxima semana nun workshop especializado para o mercado ruso

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, promoveu esta semana a oferta do sector da organización de congresos e reunións de empresa na feira especializada IMEX, que se desenvolveu na cidade alemá de Frankfurt. Esta é unha das feiras de congresos máis senlleiras do mundo no ámbito do turismo de reunións e Turismo de Galicia estivo presente cun espazo de promoción.

Este ano, ademais de Turismo de Galicia, asistiron distintas entidades galegas como Santiago de Compostela Convention Bureau, Turismo de A Coruña e Expocoruña. Tamén participaron representantes do Clúster Turismo de Galicia a través de Galicia MICE. Dentro das actividades que se desenvolven neste certame destacaron as xuntanzas de traballo previstas cos principais operadores turísticos europeos relacionados co turismo de reunións.

Nesta feira, Turismo de Galicia contou cun expositor para presentar a oferta da Comunidade, relacionada tanto cos congresos como con outros recursos paisaxísticos, enogastronómicos ou de infraestrutura hoteleira. Por outra parte, Turismo de Galicia tamén participou en distintos actos de promoción do turismo de congresos organizados pola Oficina de Turismo de España en Frankfurt.

Mercado con gran potencialNo eido da promoción dos congresos, viaxes de incentivo e convencións, Turismo de Galicia ten previsto participar este ano nos acontecementos máis destacados que se celebrarán en Europa e que están relacionados cos principais mercados internacionais. A semana próxima será a quenda do workshop de turismo MICE e de negocios en Rusia para este mercado onde se manterán encontros con máis de 30 operadores turísticos do país. Tamén está prevista a presenza na EIBTM World o último trimestre do ano en Barcelona.

A Estratexia do turismo de Galicia 2020, documento consensuado co sector que aposta por un turismo de calidade e sustentable, conta cunha liña específica para o turismo MICE. Isto mostra a importancia que ten para o Goberno galego este segmento, con elevada capacidade de gasto deste perfil de viaxeiro e con gran influencia na desestacionalización.

Esta potencialidade está avalada pola capacidade hoteleira de Galicia, os seus palacios de congresos e feiras, conexións aéreas ou empresas. A estes factores únese unha contorna e unha oferta recoñecida pola súa paisaxe, enogastronomía, termalismo ou o seu patrimonio.  


- Te recomendamos -