Inicio Galicia Medio Rural convoca a novena edición dos premios Agader ás mellores iniciativas...

Medio Rural convoca a novena edición dos premios Agader ás mellores iniciativas de desenvolvemento rural

0

Hai oito categorías con 10.000 euros para o gañador que terá que reinvestir no seu proxecto

A Consellería do Medio Rural convoca a novena edición dos Premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural. A resolución publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e nel establécense as bases do galardón.

Hai ata oito categorías: de mozos, para persoas de menos de 40 anos; cultural e de recuperación patrimonial do medio rural; de interese social, para aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos ou do coidado dos maiores; categoría de turismo; do sector agrogandeiro; de mulleres, para iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por elas; de innovación tecnolóxica e, por último, de loita contra o abandono de terras e a favor da súa mobilidade agraria.

En cada unha destas categorías o premio é de 10.000 euros que o gañador deberá reinvestir na iniciativa gañadora para realizar melloras, apostar pola conservación ou executar actuacións complementarias. Poderán presentar a candidatura, e só nunha categoría, tanto as persoas físicas como xurídicas de natureza privada, que executaran un proxecto en Galicia que teña contribuído de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada. O prazo para presentar as solicitudes é dun mes a contar dende mañá.

ValoraciónEntre os criterios de valoración estará o feito de como a iniciativa influíu na actividade económica do territorio e á creación do emprego. Así mesmo terase en conta o grao de sustentabilidade, de innovación e de consolidación da mesma. A nivel social, valorarase tanto a súa contribución á incorporación e inserción laboral da muller no proxecto, como o seu grao de implicación en políticas de igualdade. Tamén sumarán puntos aquelas iniciativas que favorezan a inserción de colectivos ou persoas desfavorecidas e as que dean apoio social, en xeral.

Poden consultarse as bases completas dos premios, aquí: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180518/AnuncioO90-040518-0001_gl.html 


- Te recomendamos -