Recalca tamén a necesidade de que o FEMP sexa compatible coa execución doutros fondos como Feader, Feder ou o Fondo Social Europeo, para impulsar a través da acción conxunta o desenvolvemento das áreas costeiras
O Comité Europeo das Rexións apoiou hoxe, por unanimidade, o ditame defendido por Feijóo sobre o futuro da pesca en Europa, que avoga por que o novo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) da vindeira década conxugue o respecto ao carácter tradicional da actividade pesqueira co espírito innovador para mellorar a conservación dos recursos mariños e a sustentabilidade ambiental ao tempo que se mantén a actividade en termos económicos e sociais; impulsar a remuda xeracional; estimular a renovación da frota pesqueira, facéndoa máis segura e habitable; e fomentar a competitividade da industria de transformación e comercialización.
A asemblea dos representantes rexionais e locais da UE deu luz verde ao ditame que propón ademais que o FEMP sexa compatible coa execución doutros fondos como Feader, Feder ou o Fondo Social Europeo, para impulsar a través da acción conxunta o desenvolvemento de áreas costeiras non urbanas; infraestruturas relacionadas coa actividade marítimo-pesqueira e actividades de formación ligadas coa remuda xeracional.“Estamos a falar da necesidade de impulsar sinerxías con outros fondos sectoriais, de xeito que multipliquen a súa eficacia para o crecemento socioeconómico das zonas costeiras”, abundou.
Así mesmo, o documento sobre ‘O FEMP máis aló de 2020. Investir nas comunidades costeiras de Europa’, salienta que o novo instrumento debe asentarse ademais sobre conceptos como a simplificación e axilidade administrativa; a adaptación aos obxectivos e metas da política pesqueira común; e a apertura a todos os axentes do ámbito marítimo-pesqueiro, independentemente do seu tamaño ou facturación.“Consideramos que as rexións deben ter máis peso e máis autonomía á hora de definir os obxectivos e os ámbitos de aplicación do investimento”, abundou o presidente da Xunta, facendo fincapé en que é esencial que Europa dispoña dun fondo específico que aposte pola economía marítima e a xeración de emprego e riqueza en torno ao mar; un fondo que teña en conta a cooperación transfronteiriza e interrexional como elemento fundamental para mellorar a gobernanza dos océanos; e que avogue pola diversificación e complementariedade das actividades económicas costeiras.
Neste sentido, lembrou que as estratexias de desenvolvemento local participativo demostraron ser ferramentas fundamentais para facer valer o importante papel socioeconómico das actividades marítimo-pesqueiras e atraer a mocidade para mellorar a súa formación e impulsar a súa continuidade no sector.
Ademais de esbozar as liñas fundamentais do ditame que ten como fin reforzar a dimensión territorial das políticas marítimas e de pesca; así como apoiar as comunidades costeiras de Europa na transición cara a unha maior diversificación das industrias marítimas, Feijóo quixo agradecer a disposición de todas as persoas que contribuíron a súa elaboración. Non en van, este documento é froito do consenso e do traballo conxunto do sector, entidades públicas e privadas, institucións e organizacións europeas e membros do Comité das Rexións.
- Te recomendamos -