O secretario xeral da Emigración asegurou no Parlamento galego que a Estratexia Retorna terá en marcha ao remate deste exercicio máis do 90 % das 53 medidas que inclúe
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, puxo esta mañá cifras á aposta do Goberno galego cara o retorno en 2018. Só no presente exercicio, sinalou o responsable autonómico en resposta a unha pregunta formulada polo grupo parlamentar do PSdeG, a Xunta porá a disposición dos galegos que retornen á comunidade galega máis de 77 millóns de euros a través da recentemente aprobada Estratexia Retorna 2020, que pretende facilitar o regreso a máis de 20.000 galegos do exterior nos vindeiros tres anos.
Este investimento, que engloba tanto medidas exclusivamente dirixidas ao retornados como aquelas transversais que inclúen incentivos específicos para estes galegos, pretende dar resposta ás necesidades que xurdan aos retornados en cada un dos pasos do proceso de regreso á súa terra de orixe. De aí que a Estratexia Retorna 2020 distribúa as 53 medidas que a conforman en varias áreas: asesoramento e seguimento, social, formación, I+D+i, laboral e de emprendemento e vivenda. Investimento por áreasPor áreas, é a de carácter laboral e de emprendemento dos galegos que regresen á comunidade a que ten a súa disposición unha maior cantidade de investimento, de arredor de 60 millóns de euros neste exercicio, a través de iniciativas tanto da Secretaría Xeral da Emigración como da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
As medidas con fins sociais, de asesoramento e seguimento, e de acceso á vivenda son as segundas dotadas con máis fondos, con máis de 12 millóns de euros, grazas en parte ao aumento de algúns programas, como as Axudas Extraordinarias ao Emigrante Retornado, que se incrementaron nun 175 % desde o ano pasado, ata alcanzar os 550.000 euros. Esta suba está motivada en gran medida pola situación que atravesan os galegos de Venezuela, que están a converterse na comunidade galega con máis demanda de regreso.
En materia de formación e de investigación e desenvolvemento, o investimento está a superar os 5 millóns de euros. Entre as medidas que se porán en marcha este mesmo ano dentro deste apartado atópase a creación da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retornado, que pretende aglutinar nun só órgano toda a información que precise un galego para iniciar o seu regreso a Galicia.
Programas que xa están en vigorO resto de medidas incluídas na Estratexia Retorna 2020, agás a liña específica de axudas para familias retornadas con fillos menores de idade (que se incrementará a partir do vindeiro ano) e as bolsas para cursar un ciclo superior de FP (que tamén entrará en vigor o curso 2018-2019), é dicir, máis do 90 % delas, están xa en marcha. “En definitiva, esta Estratexia Retorna 2020 é unha acción transversal de apoio ao retorno e integración sociolaboral desde todas as vertentes na que están implicados a Xunta de Galicia e todos os seus departamentos e que, ao igual que o propio país e a súa realidade, é un documento vivo e aberto, en constante evolución e susceptible de ir incorporando novos obxectivos e medidas, como os que resulten das propostas do recentemente creado Observatorio Demográfico”, advertiu Miranda.
- Te recomendamos -