Inicio Galicia A Xunta anuncia un conxunto de medidas para reducir os tempos de...

A Xunta anuncia un conxunto de medidas para reducir os tempos de resposta nas solicitudes de discapacidade

0

A administración autonómica creará 14 novos equipos de valoración que se sumarán aos 19 xa existentes e suporán a contratación de 51 profesionais e un investimento de preto dun millón de euros

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, anunciou hoxe, durante a súa intervención no Parlamento de Galicia, diversas medidas dirixidas a simplificar os trámites e acelerar os tempos de resposta nas solicitudes de discapacidade. Entre eles, o titular autonómico avanzou a creación de 14 novos equipos de valoración: seis en Pontevedra, catro en Vigo e A Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense contarán cun novo equipo cada unha delas.

Na actualidade, existen 19 equipos definidos compostos por un/unha médico/a, un/unha psicólogo/a e un/unha traballador/a social. A esta rede sumaranse estes 14 novos equipos que suporán a contratación de 16 médicos/as, 15 psicólogos/as, 14 traballadores/as sociais e 6 auxiliares, o que suman 51 novos profesionais. Ademais, completaranse os equipos de Vigo e Santiago e manterase un equipo en Pontevedra. En total, a Administración autonómica realizará un investimento dun millón de euros para este reforzo.

Así mesmo, impulsarase a Historia Social Única Electrónica de tal xeito que o persoal dos equipos de valoración e orientación teñan acceso ao historial clínico dos solicitantes. Deste xeito, simplificarase o modelo de solicitude, evitando que os galegos e galegas teñan que achegar documentación á que se pode acceder de xeito dixital (sempre e cando o solicitante o autorice). Rey Varela anunciou tamén a posta en marcha dun servizo de confirmación e recordatorio de citas a través de SMS para evitar a non asistencia ás citas de valoración programadas.

Outra das medidas concretas que se levarán a cabo será a consideración de facto de persoas con discapacidade igual ou superior ao 33% aquelas ás que a Seguridade Social teña recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou gran invalidez, e aos pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente. En definitiva, todas elas accións destinadas a acelerar ao máximo os tempos de resposta e simplificar os trámites como vía para mellorar a calidade de vida dos galegos e galegas que presentan algún tipo de discapacidade.

Cómpre destacar que neste 2018, a Consellería de Política Social incrementou nun 10% os recursos económicos destinados a maiores e persoas con discapacidade, acadando os 414 millóns de euros. Un reforzo orzamentario que está a permitir afrontar a creación destes novos equipos de valoración, incrementar nun 5% os convenios de colaboración coas entidades que traballan neste ámbito, ampliar e estender os servizos da Rede galega de atención temperá ou consolidar a rede de prazas de atención sustentadas con fondos públicos entre outras medidas.  


- Te recomendamos -