Inicio Galicia Ethel Vázquez salienta que a normativa autonómica de estradas facilita unha xestión...

Ethel Vázquez salienta que a normativa autonómica de estradas facilita unha xestión das vías acorde á realidade territorial, blindando a seguridade viaria e con garantías xurídicas

0

A conselleira subliña que é imprescindible regular os accesos ás vías de circulación porque afectan á seguridade dos usuarios

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, interveu hoxe no Parlamento de Galicia, onde salientou que o marco normativo autonómico en materia de estradas facilita a xestión das vías acorde á realidade territorial de Galicia, blinda a seguridade viaria e reforza as garantías xurídicas dos cidadáns.

Vázquez Mourelle explicou que grazas ao Regulamento Xeral de Estradas de Galicia aprobado no ano 2016 e á Lei de Estradas, de xuño de 2013, Galicia sitúase como a autonomía co marco normativo en materia de infraestruturas viarias máis sólido e completo.

O regulamento caracterízase pola consideración especial das singularidades e peculiaridades do territorio galego, tendo en conta puntos como a dispersión, a abundancia de núcleos de poboación, a existencia de miles de núcleos rurais, as edificacións illadas nas marxes das estradas ou a densidade de diferentes redes de estradas e camiños públicos.

A conselleira subliñou que unha das prioridades desta normativa é garantir a seguridade viaria, facilitando un crecemento ordenado das estradas cunha harmonización e equilibrio axeitado entre o que é a protección do dominio público viario e a explotación da vía, coa actividade económica e social do seu contorno.

Concretou que cómpre ter estradas cada vez máis seguras, equilibrando os intereses dos propietarios das parcelas, dos usuarios da vía e da Administración que sufraga cos impostos dos cidadáns a construción e conservación desas vías.

Nese sentido, a conselleira salientou que é imprescindible regular os accesos ás vías de circulación porque afectan á seguridade dos usuarios.

A conselleira sinalou que a normativa permite que as administracións titulares das infraestruturas viarias, xa sexa a Xunta, as deputacións ou os concellos, poidan realizar actuacións en condicións óptimas que aseguren unha adecuada xestión e protección do dominio público viario.

O regulamento tamén busca reforzar as garantías xurídicas para a cidadanía mediante o establecemento de criterios obxectivos e de procedementos regrados, con especial atención ao fomento da súa transparencia. Neste sentido, a Consellería de Infraestruturas está a avanzar no recoñecemento de treitos urbanos en solo de núcleo rural, o cal, como xa se indicou, dá seguridade xurídica á Administración e aos usuarios.

Ethel Vázquez manifestou que o Goberno galego está a traballar no desenvolvemento dunha orde pola que se regulan os accesos nas estradas de Galicia e nas súas vías de servizo. Engadiu que este documento en tramitación busca facilitar os accesos cunha normativa máis adaptada á realidade galega que a norma estatal.

O Goberno galego convocará no vindeiro mes de xuño unha reunión técnica con concellos e deputacións para abordar a aplicación da normativa de estradas nos treitos urbanos e dar resposta a todas as dúbidas en relación ao regulamento. 


- Te recomendamos -