Inicio Galicia Finaliza con éxito o simulacro do plan de risco de inundacións da...

Finaliza con éxito o simulacro do plan de risco de inundacións da presa do Bao

0

A Xunta coordinou este dispositivo, a través do que se mobilizaron uns 100 efectivos, tendo en conta a todos os organismos cuxa participación está prevista no Plan de protección

O simulacro que tivo lugar esta mañá na presa do Bao para ensaiar a posta en práctica do Plan especial de Protección Civil ante o risco de inundacións (Plan Inungal) desenvolveuse segundo o previsto e rematou satisfactoriamente.

O dispositivo, que foi coordinado pola Xunta de Galicia, chegou a mobilizar a uns 100 efectivos, tendo en conta a todos os corpos e profesionais cuxa participación está prevista no Plan ante a posible rotura dunha presa. Así, e entre outros organismos, colaboraron na iniciativa a titular da presa (Iberdrola), a Unidade Militar de Emerxencias, bombeiros da zona, así como persoal do 061, de Cruz Vermella ou do Grupo de Intervención Psicolóxica en catástrofes e emerxencias (GIPCE), entre outros.

Así, e de acordo co establecido no Inungal e nos plans de actuación municipal, durante o simulacro procedeuse a avisar á poboación mediante megafonía e sereas de aviso. Posteriormente, practicouse a evacuación da poboación dos lugares de Portomourisco (Petín), As Ermitas (O Bolo), O Bao (Manzaneda) e Os Casares (Ribas de Sil).

Tamén se constituíu na zona o Posto de Mando Avanzado e, ademais da mobilización dos organismos xa mencionados, tamén se despregou a rede de comunicacións TETRA, e establecéronse controis de tráficoO obxectivo desta actividade foi poñer a proba a aplicación deste Plan e practicar a coordinación necesaria ante este tipo de emerxencias, nas que deben mobilizarse un gran número de efectivos de distintos organismos. Trátase, en definitiva, dunha aposta pola prevención como medio para garantir a seguridade da cidadanía, e responder de xeito axeitado, eficiente e eficaz, no caso de riscos colectivos. 


- Te recomendamos -