A Federación de Librarías, a AGE e a AELG, co apoio da Xunta de Galicia, convocan os galardóns, que recoñecen a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial
Máis de 60 finalistas compiten nas 14 categorías da Gala do Libro Galego, que se celebra o vindeiro sábado 19 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela. A Federación de Librarías de Galicia, a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), co apoio da Consellería de Cultura e Educación, presentan unha iniciativa que recoñece a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial durante o ano 2017 e que, nesta edición, por vez primeira, premia tamén traxectorias profesionais.
Para o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a gala vaise consolidando como un espazo para “poñer en valor a produción literaria máis recente e, ao mesmo tempo, facer visible un sector que é un piar imprescindible da nosa cultura, fundamental para o noso desenvolvemento social e tamén económico”. Lorenzo participou esta mañá na rolda de prensa de presentación da gala, onde os promotores da iniciativa deron a coñecer os detalles da nova edición. O Concello de Santiago de Compostela e a Deputación da Coruña tamén colaboran coa iniciativa.“O libro e a lectura son instrumentos indispensables para a transmisión da cultura e para o desenvolvemento da nosa identidade como pobo”, continuou Anxo Lorenzo, que puxo en valor a suma de esforzos por parte das principais entidades do sector e das administracións públicas de Galicia para levar a cabo a iniciativa.
Propostas desde as bases “Os galardóns que se van entregar o vindeiro sábado son a mellor mostra de que as cousas se están facendo ben no sector do libro en Galicia”, afirmou o secretario xeral de Cultura. “É -concluíu- unha boa oportunidade para difundir a industria do libro galego fóra dos seus espazos habituais e favorecer o interese da sociedade galega polos premiados”.
Son as bases asociativas da Federación de Librarías, a AGE e a AELG as que propoñen aos premiados e despois un xurado externo fai unha preselección da que saen os finalistas. Os 14 galardoados coñeceranse no transcurso da gala.
FinalistasA Gala do Libro Galego inclúe nesta edición dous bloques diferenciados, o primeiro para obras editadas no 2017, que engloba as categorías de ensaio e investigación, divulgación, narrativa, infantil, xuvenil, libro ilustrado, libro de banda deseñada, iniciativa bibliográfica, tradución, poesía, teatro e libro mellor editado. No bloque de premios ás traxectorias, as categorías son iniciativa cultural ou de fomento da lectura, proxecto literario na rede e xornalismo cultural.
Xosé Luís Axeitos, Matilde Felpeto, Marcos Calveiro, Ledicia Costas, María Reimóndez, David Pintor, Berta Cáccamo, Xaquín Marín, Elías Portela, Lupe Gómez, Ana Romaní, Chévere, Kalandraka, Viñetas desde o Atlántico ou Criticalia son algúns dos autores, artistas, xornalistas e proxectos candidatos aos galardóns da Gala do Libro Galego.
- Te recomendamos -