Inicio Galicia A Xunta presenta os instrumentos de apoio á industria como un gran...

A Xunta presenta os instrumentos de apoio á industria como un gran apoio para avanzar na modernización do tecido produtivo de Galicia

0

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, destacou a importancia de dar a coñecer estes apoios para que as empresas poidan mellorar a súa competitividade

O delegado territorial da Xunta de Galicia, na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou está mañá na inauguración das Xornadas Financia Industria que tiveron lugar en Ferrol para presentar as inversións previstas no ámbito da industria 4.0, organizadas pola Xunta en colaboración co Ministerio de Economía, Industria e Competitividade (MINECO). Ademais, presentáronse as medidas de apoio especializadas para o tecido empresarial do Campus Industrial da UDC.

O delegado territorial salientou a importancia de dar a coñecer e de achegar a información destes investimentos industriais no ámbito 4.0 como unha das claves para consolidar a recuperación da economía galega no medio e no longo prazo. Na reunión ofreceuse información aos empresarios sobre os instrumentos de financiamento que o MINECO pon a disposición das empresas. Neste senso, recalcou que estas xornadas teñen un triplo obxectivo, “sumar esforzos, buscar complementariedades e o máis importante: procurar que todos os proxectos viables obteñan o asesoramento e o financiamento que precisen para poñerse en marcha ou para desenvolverse”.

A delegación da Xunta de Galicia en Ferrol acolleu o acto no que interviñeron Natalia Barros, directora do Plan Ferrol, Eume e Ortegal; Ramón Herrero Arbizu, secretario xeral de Áreas e Programas Industriais de MINECO; Pedro Sotoca, responsable de Análise e Dirección de Operacións de ENISA; e Francisco Barreiro Villar, técnico do Igape. Nas súas intervencións presentaron as novas convocatorias de préstamos do Ministerio de Economía para investimentos en industrialización en xeral e, en concreto, para actuacións na incorporación de tecnoloxías 4.0.

No encontro lembrouse que a Xunta mantén activo o novo programa de Instrumentos Financeiros Innovadores, preparado para impulsar arredor dun cento de investimentos de pemes en ámbitos como a Industria 4.0, a innovación e o emprendemento, e adiantou que o Igape activará en próximas datas unha nova convocatoria de axudas para facilitar novos investimentos 4.0 en Galicia, liña á que xa se acolleron máis de 70 empresas.

O programa de préstamos IFI, cofinanciado polo Feder e dotado con 33M€, permitirá mobilizar 60M€ en proxectos de investimento. Nos meses que levan activados os IFI, as axudas concedidas ao seu abeiro superan o 1,9M€, o que supón máis do 60% dos investimentos que as empresas prevén realizar, case 3,3M€.

No encontro o delegado territorial puxo en valor a aprobación en outubro do pasado ano da Lei de implantación empresarial, un texto que dá unha resposta áxil en termos de burocracia e papelame para as empresas que se queiran instalar en Galicia. Unha norma tamén xenerosa en termos fiscais e sensible coas demandas dos principais axentes económicos.

Outro bo exemplo é a iniciativa Concellos Emprendedores que prioriza as axudas aos municipios que rebaixen ata un 95% os seus impostos e simplifiquen a burocracia ás empresas que se instalen por primeira vez en Galicia.

Ovidio Rodeiro destacou que “financiar os investimentos, especialmente os de carácter industrial e tecnolóxico, é fundamental para que a recuperación económica se consolide”. Como tamén é fundamental a colaboración entre as distintas administracións para que o apoio público sexa realmente efectivo e axude ás empresas a planificar e levar a cabo os seus investimentos.

Ovidio Rodeiro recalcou a importancia deste tipo de xornadas porque permiten ter unha visión máis clara á hora de poder acceder ás axudas que os gobernos galego e central poñen a disposición dos cidadáns, especialmente as presentadas está mañá para avanzar na modernización do tecido produtivo de Galicia, no escenario da Axenda 4.0.

O delegado territorial salientou o importante esforzo que se está a facer desde todas as administracións para apoiar aqueles proxectos das pemes galegas que sexan susceptibles de recibir axudas públicas. “O obxectivo final é asesorar e apoiar aos nosos empresarios para mellorar a súa competitividade”, finalizou.


- Te recomendamos -