Maestro indícalle ao rexedor que a prolongación do percorrido do autobús urbano da Coruña ata a glorieta de Santa Cristina é unha opción viable para a chegada dos autobuses aos areais deste municipio
O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo hoxe un encontro de traballo co alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, na que lle trasladou o compromiso da Xunta para promover a tramitación necesaria co obxectivo de estender os servizos de autobús ata as praias deste municipio no verán.
Maestro indicoulle ao rexedor que unha das opcións viables para a chegada dos autobuses aos areais de Oleiros é a prolongación do percorrido do autobús urbano da Coruña ata a glorieta de Santa Cristina.
O director xeral explicou que para a posta en marcha este ano deste novo servizo, cómpre asinar un convenio de colaboración entre o Goberno galego e os concellos da Coruña e Oleiros. Amosoulle o compromiso da Xunta para a redacción do borrador correspondente a este acordo, que lle será remitido en breve.
Na xuntanza tamén se abordou outra posible vía para achegar os autobuses ás praias de Oleiros, que consiste en reforzar os servizos do autobús interurbano co fin de estender os desprazamentos dos Concellos de Culleredo e Cambre ata Bastiagueiro. Neste sentido, o director explicoulle ao alcalde que esta opción debe avaliala coa empresa concesionaria para que posteriormente a Xunta tramite a autorización necesaria.
A Xunta aposta por impulsar melloras na mobilidade a través da lexislación existente e o Plan de transporte metropolitano de Galicia, adaptando, como neste caso de Oleiros e a súa área de influencia, os servizos de autobús ás necesidades reais dos veciños.
- Te recomendamos -