Inicio Galicia A Xunta prepara unha nova convocatoria de axudas para a posta en...

A Xunta prepara unha nova convocatoria de axudas para a posta en marcha de 15 novas casas niño nos concellos rurais

0

O Goberno galego prepara unha nova convocatoria de axudas, a terceira, que sumada ás dúas anteriores de 2016 e 2017, permitirá contar con 61 Casas Niño noutros tantos municipios galegos de menos de 5000 habitantes

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado do delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro Orol, visitou esta mañá en Castroverde a Casa Niño ‘Berce dos bicos’, a segunda que se pon en funcionamento neste municipio lucense. Este recurso de conciliación, que abriu as súas portas a semana pasada, presta servizo de maneira gratuíta ás familias de 5 nenos e nenas.

En declaracións aos medios de comunicación, o conselleiro insistiu na importancia que teñen estes servizos sociais tanto para o coidado dos nenos e nenas de 0 a 3 anos que viven en contornos rurais como para facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e social dos pais e nais.

Neste sentido, apuntou que o Goberno galego seguirá estendendo as Casas Niño para crear unha rede máis ampla de recursos de conciliación no rural, avanzando que no primeiro semestre deste ano sairá adiante unha nova convocatoria de axudas, a terceira, para outorgar outras 15 subvencións para o desenvolvemento doutros tantos proxectos. No seu conxunto, entre as dúas primeiras convocatorias de 2016 e 2017 e a nova orde de axudas que sairá nos vindeiros meses, a Xunta investirá 6,1 millóns de euros para facer posible a entrada en servizo de 61 Casas Niño.

Rey Varela sinalou que a posta en marcha desta iniciativa piloto na comunidade “é unha mostra da inequívoca aposta da Xunta de Galicia porque nos municipios rurais existan os mesmos recursos que nas cidades”, nomeadamente no ámbito da familia e a infancia. Así mesmo, apuntou que “tamén constitúe un apoio aos emprendedores en localidades de carácter rural que con proxectos como este dan resposta a unha demanda como é o coidado dos máis pequenos e ás necesidades de conciliación”.

Por último, o titular da carteira autonómica de Política Social reiterou que “seguiremos apostando por este servizo porque investir no benestar das familias e dos nenos é facelo no presente e futuro de Galicia”, ao tempo que engadiu que o impulso de novos recursos como as casas niño “responde ao compromiso de facer que Galicia sexa un mellor lugar para vivir, para formar unha familia e, sobre todo, para ser neno”.

Sumando as convocatorias de 2016 e 2017 a provincia de Lugo conta con 13 Casas Niño, dúas delas no concello de Castroverde e o resto en Ourol, Paradela, A Pobra do Brollón, Riotorto, Begonte, Folgoso do Caurel, O Corgo, Láncara, As Nogais, Portomarín e Xermade.

Por outra banda, a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez, tamén visitou na xornada de hoxe a primeira das Casas Niño que se abriron na vila de Castroverde, “Un recanto con encanto”. Este recurso de conciliación está en funcionamento dende novembro do ano 2016 e na actualidade presta atención a cinco nenos e nenas cun horario de actividade de oito da mañá a catro da tarde.

Rede de atención á infancia e de conciliaciónA Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, vén de comunicar os proxectos de novas Casas Niño que recibirán axudas para a súa posta en marcha e desenvolvemento con cargo á convocatoria de 2017 e cuxa distribución por provincias é como segue: 5 nos concellos lucenses de Castroverde, Ourol, Paradela, A Pobra do Brollón e Riotorto; 9 nas vilás ourensás de Baltar, Beariz, Os Blancos, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, O Irixo e San Amaro; 2 nos municipios coruñeses de Dumbría e Frades; e 1 en Donzón, localidade da provincia de Pontevedra. Cómpre sinalar que as Casas Niño constitúen un recurso gratuíto para as familias que residen en concellos de menos de 5.000 habitantes nos que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia. Esta medida forma parte das iniciativas que se contemplan no Programa de Apoio á natalidade (PAN Galicia) que Política Social está a desenvolver dende finais de 2015 con accións como a Tarxeta Benvida, o Bono Concilia e o Bono Coidado, a apertura de novas escolas infantís –con especial atención aos polígonos empresariais e industriais- ou o incremento das prazas sostidas con fondos públicos.


- Te recomendamos -