O delgado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou a unidade do Servizo de Atención Temperá da mancomunidade de Ordes
Ordes (A Coruña), 7 de maio de 2018.- O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañado polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez e o alcalde de Frades, Roberto Rey, visitaron está mañá a unidade de Servizo de Atención Temperá da mancomunidade de Ordes. Este ente supramunicipal presta servizo, dende 2016, a 7 concellos da zona (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo) e ten como obxectivo apoiar o desenrolo infantil e a inclusión sociofamiliar dos nenos e nenas de entre 0 e 6 anos que precisan asistencia ou atención especial. Ao ano este SAT atende a unha media de 160 casos en Ordes. Esta unidade conta como persoal técnico con dúas logopedas, unha psicopedagogas e unha psicóloga.
O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar que esta mesma semana remata o prazo para que os concellos interesados poidan solicitar as subvencións para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá para este ano 2018.
O crédito inicial previsto entre novembro de 2017 e outubro de 2018, que será susceptible de ampliación se é necesario, ascende a 1.388.545 euros e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo dentro do Programa Operativo 2014-2020. Isto tradúcese nun incremento do 13,03% con respecto aos recursos destinados para esta mesma finalidade no anterior período (de xaneiro de 2016 a outubro de 2017).
O obxectivo deste tipo de axudas é dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presenten os menores de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, apostando por un modelo de servizo fundamentado na prevención, na promoción da autonomía persoal e na inclusión social a través da prestación de servizos na proximidade das familias e nos contornos naturais da vida dos nenos e nenas.
Neste sentido, Ovidio Rodeiro destacou que “o ámbito municipal é idóneo para a prestación deste tipo de apoio aos máis novos pola súa proximidade á veciñanza e polo coñecemento da situación específica da súa poboación, tendo en conta ademais que un dos principios reitores da Rede galega de atención temperá é a descentralización e proximidade”. Deste xeito, apuntou que “a finalidade é conseguir un achegamento eficiente ás persoas destinatarias mediante o desenvolvemento, sempre que sexa posible, de actuacións de base comunitaria para a inclusión social e nas que, polo tanto, a rede de recursos comunitarios (sociais, sanitarios e educativos) son peza fundamental nunha atención e prestación de calidade”.
Ovidio Rodeiro lembrou que na provincia de A Coruña destináronse o ano pasado 360.753 euros de axudas dirixidas á mancomunidade de Ordes ((Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo), á Agrupación de Ribeira e Pobra e á Agrupación de Noia, Porto do Son, Muros, Outes e Lousame.
Ademais de consolidar a Rede galega de atención temperá e que deste xeito se achegue a máis puntos do territorio realizando un verdadeiro servizo de proximidade para os menores e as súas familias, o obxectivo está tamén en seguir reforzando a coordinación dos profesionais que prestan o servizo, xa que a acción coordinada das áreas de Sanidade, Educación e Política Social é o eixo clave para garantir a abordaxe integral e temperá do desenvolvemento infantil e o apoio as familias.
Outra finalidade é facilitar a formación destes profesionais a través da realización de programas desenvolvidos mediante a colaboración conxunta das consellería das tres áreas antes citadas. Así, nas dúas últimas edicións de 2016 e 2017 participaron en accións formativas un total de 107 profesionais dos ámbitos sanitario, educativo e social.
- Te recomendamos -