Os equipos do IES de Becerreá na categoría de Bacharelato e o Colexio Plurilingüe San José- Fec de Lugo na modalidade de Educación Secundaria resultaron os gañadores deste certame
O equipo do IES de Becerreá na categoría de Bacharelato e o Colexio Plurilingüe San José- Fec de Lugo, na modalidade de Educación Secundaria Obrigatoria resultaron hoxe os gañadores da novena edición de Parlamento Xove, competición de debate que organiza a Consellería de Política Social. Os obxectivos desta iniciativa son fomentar entre a mocidade o diálogo como ferramenta para argumentar razoadamente as ideas propias, a tolerancia e o respecto polas ideas dos demais, así como potenciar as habilidades lingüísticas dos participantes.
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, asistiu á final desta competición de debate na que nesta nova edición participaron un total de 1547 estudantes distribuídos en 303 equipos de diferentes centros educativos de toda Galicia. Á fase final que hoxe se resolveu chegaron 16 equipos de 14 centros educativos cun total de 80 participantes (16 profesores/as e 64 estudantes).
Rey Varela felicitou aos premiados e premiadas, así como a todos os participantes nesta edición de Parlamento Xove, e destacou o compromiso da mocidade con proxectos como este que axudan ao desenvolvemento das súas competencias e habilidades tanto sociais como académicas. Así mesmo, fixo fincapé en que esta iniciativa constitúe un espazo de comunicación que permite a discusión sobre temas importantes para a nosa sociedade, ao tempo que propicia o desenvolvemento de valores como a capacidade de respectar a opinión dos demais e o traballo en equipo.
Ademais, o conselleiro dixo que unha importante aprendizaxe deste acción é que “os debates non son unha confrontación, senón que deben afondar na busca de puntos en común”. Neste sentido, engadiu que “o debate útil e produtivo é aquel que axuda a entender, a comprender e a tender pontes polos que podemos avanzar xuntos”, concluíu Rey Varela. Gañadores e premiosOs equipos gañadores nas modalidades de Bacharelato e ESO recibiron como premio unha viaxe valorada en 5000 euros. Cada un dos compoñentes dos equipos que quedaron en segunda posición, que foron o Colexio Internacional Sek Atlántico de Poio en Bacharelato e o CPR Maristas Inmaculada de Lugo en ESO en ESO, recibiron agasallos.
Na categoría de ESO os oito equipos que pasaron á fase final pertencen ao CPR Maristas Inmaculada (Lugo), CPR Plurilingüe Esclavas (A Coruña), Colexio Plurilingüe San José- Fec (Lugo), Colexio Padres Escolapios (Monforte), CPR Plurilingüe Sagrada Familia (Vilagarcía de Arousa), Colexio La Salle (Santiago), e dous equipos do Colexio Internacional Sek Atlántico (Poio).
Na categoría de Bachalerato pasaron á fase final oito equipos, dous pertencentes ao IES de Becerreá, e o resto do Colexio Plurilingüe San José- Fec (Lugo), Colexio Internacional Sek Atlántico (Poio), IES Pintor Colmeiro (Silleda), IES A Xunqueira II (Pontevedra), IES Miguel Ángel Estévez (Vilagarcía de Arousa) e Colexio La Salle (Santiago).
O tema dos encontros dialécticos nesta fase final para as dúas categorías foi: a experiencia acumulada nun ano sabático pode ser de gran axuda para orientar os intereses académicos e laborais da xuventude europea antes de que inicien a súa etapa universitaria. Debería existir un plan de financiamento europeo destinado a tal fin?Así mesmo, no acto desta mañá tivo lugar a entrega do premio ao mellor artigo de investigación, que consistiron nunha mochila e nunha memoria USB, ao IES Santiago Basanta Silva (Vilalba) na categoría de ESO e o IES Xulián Magariños (Negreira) na de Bacharelato.
Tamén se deron os diplomas e agasallos aos mellores oradores e oradoras da competición. Na categoría de ESO estes foron os seguintes: Almudena Mesejo Gondar (CPR Plurilingüe Sagrada Familia de Vilagarcía de Arousa), Yago José Cabrera Díaz (CPR Maristas Inmaculada de Lugo), Paula Parente Castedo (Colexio Plurilingüe San José- Fec de Lugo) e Manuel Kevin Campos Péres (IES A Xunqueira II de Pontevedra). E na categoría de Bacharelato recibiron cadanseu recoñecemento os estudantes Saúl Corredoira Rodríguez (Colexio Plurilingüe San José-Fec de Lugo), Silvia López Soto e Xoel Rodríguez Poy (ambos do IES de Becerreá), Elena Bengoa Fernández (Colexio La Salle de Santiago) e Sabrina Pérez López (IES A Pinguela de Monforte de Lemos). Parlamento Xove é unha competición de debate na que os equipos representantes de centros educativos de toda Galicia empregan a oratoria para defender un determinado punto de vista acerca dun tema proposto pola organización. Os participantes de cada equipo –formado por catro alumnos/as e un profesor/a- analizan, escriben e debaten sobre o tema proposto, incluíndose tamén a realización dun dosier de investigación.
A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se procede ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, a favor ou en contra, en relación á cuestión formulada. Os equipos levaron a cabo un labor de investigación previa e despois contrapoñen e discuten datos e ideas.
Trátase de debates de carácter argumentativo; espazos de comunicación que permiten a discusión sobre o tema proposto e gañan non os equipos que necesariamente teñan a razón, senón os que mellor sustenten as súas ideas. Durante o transcurso destes encontros dialécticos, os mozos e mozas desenvolven valores como a capacidade de respectar a opinión dos demais ou a colaboración cos compañeiros para elaborar as conclusións, e ademais fomentan a toma de conciencia no comportamento democrático.
Os obxectivos principais destes debates son: dar a coñecer e defender a postura sobre o tema proposto; dar elementos de xuízo claros na exposición; exercitar a expresión oral, a capacidade de escoitar e a participación activa, e defender as opinións con xustificación.
Parlamento Xove, como actividade na que participa o alumnado e profesorado de centros educativos, contribúe ao desenvolvemento de practicamente todas as competencias básicas como a competencia lingüística, nos seus catro ámbitos (expresión oral e escrita e comprensión oral e escrita); a competencia matemática, xa que en todos os debates manexan datos e porcentaxes que avalan a súa argumentación; o tratamento da información e a competencia dixital; a competencia social e cidadá que contribúe á convivencia dado que o traballo realízase en equipo; a competencia cultural e artística, dado que nos debates se esixe o emprego de figuras estilísticas e capacidade de retórica; e a competencia para aprender e iniciativa persoal.
- Te recomendamos -