Inicio Galicia A Coruña 660 pacientes beneficiáronse xa do PET-TAC de última xeración recén incorporado ao...

660 pacientes beneficiáronse xa do PET-TAC de última xeración recén incorporado ao parque de alta tecnoloxía da xerencia compostelá

0

A maioría dos doentes que precisaron desta tecnoloxía foron oncolóxicos

Un total de 660 pacientes beneficiáronse xa do mellor diagnóstico, máis rápido e preciso que aporta o PET-TAC incorporado este ano ao parque de alta tecnoloxía do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, a meirande parte foron doentes oncolóxicos. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, visitou esta semana as instalacións do servizo de Medicina Nuclear, acompañado polo xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, e a xerente da área sanitaria de Santiago, Eloína Núñez. O xefe do Servizo de Medicina Nuclear do Hospital Clínico, Álvaro Ruibal, explicoulles as melloras diagnósticas que aporta esta nova tecnoloxía, que tivo un custe total de 1.793.259 euros, incluída a obra de adecuación da sala.

O novo tomógrafo por emisión de positróns de última xeración, o PET-TAC Vereos, supón unha radical mellora sobre o existente, que tamén foi pioneiro no seu tempo e cuxa actividade asistencial iniciouse no ano 2003. Fixo, desde entón, máis de 19.000 exploracións.

A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago está inmersa nun Plan de Renovación tecnolóxica que afecta ao 80% da alta tecnoloxía e a gran parte da radioloxía convencional. O novo equipo PET, de última xeración, permite obter imaxes de alta resolución espacial e alta sensibilidade, grazas a que dispón de novos detectores dixitais e á tecnoloxía de tempo de voo. Así mesmo, o equipo ten incorporado un tomógrafo axial computarizado (TAC) con calidade de diagnóstico, simplificando o rexistro anatómico das imaxes PET e abrindo a porta a novos tipos de exploracións con respecto ao anterior sistema.

Ademais, o sistema PET Vereos engade algoritmos de reconstrución de imaxes máis avanzados. En particular, funciona en modo 3D para todo tipo de exploracións e incorpora técnicas de restauración de resolución espacial. Trátase dunha nova tecnoloxía, de introdución moi recente (só hai outro máis en España e 6 en Europa), moi superior a todas as existentes, que incidirá positiva e directamente no diagnóstico e seguimento de pacientes afectos de diferentes patoloxías, como as oncolóxicas, permitindo reducir notablemente o tempo por cada exploración.

Servizo de Medicina NuclearO servizo de Medicina Nuclear da Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Santiago realiza gran variedade de exploracións, como terapias isotópicas: que son terapias metabólicas que permiten un efecto terapéutico dirixido, personalizado, tanto no tratamento de tiroides como do carcinoma de próstata metastásico resistente á castración. A unidade de terapias isotópicas de Santiago é a única en Galicia en realizar terapia con lutecio en tumores neuroendocrinos. Outra das terapias novidosas, e da que o servizo foi pioneiro en Galicia, é o tratamento con Esfera de Ytrio para os tumores hepáticos.

Este servizo do Hospital Clínico conta, tamén, cun PET específico para patoloxía mamaria desde hai 4 anos. É o único hospital público galego que conta con esta técnica e até o pasado ano o único de España. Permite obter imaxes bioquímico-moleculares das enfermidades de mama cunha sensibilidade de 1,4 milímetros, non substitúe a outras técnicas como a mamografía ou a ecografía, senón que as complementa en casos moi específicos e pode axudar a evitar falsos positivos e/o negativos. Realízanse unhas 20 ao mes debido á especificidade da patoloxía e ás indicacións aprobadas polo Sergas. No tocante á investigación, destaca a UNIME (Unidade de Imaxe Molecular Experimental), plataforma do IDIS na que se realizan exploracións preclínicas coa finalidade de poder levalas á práctica diaria. Está dirixida por Pablo Aguiar, investigador Ramón y Cajal, cuxa liña de investigación principal céntrase na busca de biomarcadores de imaxe para o diagnóstico precoz en neuroloxía e unha maior personalización das terapias. Trátase da única unidade destas característica en Galicia e dá servizo aos grupos de investigación da USC e CIMUS, e a laboratorios farmacéuticos.


- Te recomendamos -