Salienta que, perseguindo este fin, o ano pasado Galicia se converteu na primeira comunidade española en incorporarse á Alianza pola Mobilidade Académica, para facilitar as estancias internacionais de estudantes, profesores e investigadores
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por seguir reforzando as pontes económicas e culturais que unen México e Galicia a través da innovación, a competitividade e o talento, e sempre desde a divisa da liberdade.
Nesta liña, e durante unha conferencia nun encontro con estudantes e profesores da Universidad de la Sierra Sur, UNSIS, Feijóo aseverou que reforzar os vínculos entre as universidades mexicanas e galegas non é só un proceso de intercambio intelectual, senón tamén un recoñecemento á nosa historia compartida. E lembrou que, perseguindo este obxectivo, o ano pasado Galicia se converteu na primeira comunidade española en incorporarse á Alianza pola Mobilidade Académica, para facilitar as estancias internacionais de estudantes, profesores e investigadores.
Ao respecto, precisou que hoxe son xa máis de 400 os mozos latinoamericanos que cursan estudos universitarios en Galicia. E, paralelamente, nos últimos seis anos foron cerca de 700 os estudantes galegos que recibiron unha beca para estudar nun país de fóra da Unión Europea; coa previsión de que este intercambio de talento se reforce a partir do ano que vén, cando Galicia acolla o Segundo Cumio Académico e do Coñecemento da Unión Europea, América Latina e o Caribe.
Unha Galicia aberta cara aos mercados internacionaisAo longo da súa intervención, Feijóo trasladou ademais a preocupación polo rexurdir do proteccionismo. “O proteccionismo é un erro desde o punto de vista económico, social e da modernización dos pobos e das nacións. Por iso, nós rexeitamos ese movemento defensivo que é converter ás nacións en lugares pechados”, dixo.
Nesta mesma liña, engadiu, ademais, que o proteccionismo na economía é un límite para que os países se desenvolvan. “Provoca desaceleración económica e, á súa vez, pobreza e desigualdade, e ambas son o abono da falta de liberdade”, sentenciou, defendendo a necesidade de que as relacións comerciais entre España e Latinoamérica se sigan rexendo pola liberdade económica e a voluntariedade.
O presidente da Xunta afirmou que se hoxe a economía galega se compón nunha clave totalmente distinta é grazas á apertura de España cara aos mercados internacionais: as empresas galegas comercian co exterior máis que nunca e a economía galega crece a un ritmo intenso, por riba doutros países europeos como Alemaña, Francia e Reino Unido. E as exportacións levan catro anos consecutivos crecendo de maneira sostida.
Por outra banda, insistiu na importancia da formación para o desenvolvemento dun país. “Non hai ningún investimento máis rendible que o investimento en coñecemento”, asegurou.
Durante o relatorio, Feijóo asegurou que Galicia aprendeu a conxugar sen tensións a súa identidade galega coa española e a europea, ademais dos seus indiscutibles nexos con Iberoamérica.
A continuación, reivindicou as institucións gobernadas con seriedade e experiencia, así como as reformas sensatas e valentes como mellor forma de garantir o progreso e o benestar.
Feijóo concluíu recordando que os emigrantes galegos souberon conquistar pacificamente o respecto dos seus anfitrións, conciliando identidades e facendo da dobre pertenza unha vantaxe.
Para ilustrar este argumento, referiuse ao reitor do Sistema de Universidades Estatais de Oaxaca, Modesto Seara, un galego e un mexicano excepcional, que encabeza un sistema de dez universidades de prestixio crecente e notable proxección e cuxa traxectoria conta co recoñecemento da súa terra de orixe, coa entrega, hai sete anos, da Medalla Castelao.
- Te recomendamos -