“Abanca é un banco europeo, con ficha bancaria española e polo tanto é un banco que en ningún caso quedará contaminado por ningún tipo de actuación que poida adoptar o Goberno venezolano sobre Banesco Venezuela”, asevera
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou esta tarde a seguridade de que Abanca queda á marxe da situación de Banesco. “Abanca é un banco europeo, con ficha bancaria española e polo tanto é un banco que en ningún caso quedará contaminado por ningún tipo de actuación que poida adoptar o Goberno venezolano sobre Banesco Venezuela”, aseverou.
Durante unha visita á Universidad de la Sierra Sur, en Oaxaca, Feijóo confirmou tamén que tanto as autoridades europeas como as españolas, Banco de España e Banco Central Europeo, son coñecedoras en tempo real do problema de Banesco Venezuela. “E, polo tanto, a partir de aí o que temos que manter é un diálogo permanente”, dixo, incidindo en que o Goberno galego mantén ese contacto a través do presidente de Abanca Internacional, Juan Carlos Escotet, do conselleiro delegado e, tamén, doutros directivos da entidade.“Trasladar, en consecuencia, que houbo información en tempo real por parte dos directivos de Abanca ao Goberno da Xunta. Que nos consta que hai tamén notificación ás autoridades financeiras do Banco de España e ás autoridades do Banco Central Europeo. E que Abanca é una Banco europeo, baixo a tutela financeira do Banco de España e do Banco Europeo e que non hai ningún risco de contaminación”, abundou.
O presidente da Xunta expresou, así mesmo, o desexo de que a situación sobre Banesco se aclare e que os directos españois afectados sexan tratados conforme a un Estado de Dereito con garantías e baixo a presunción de inocencia. Ao respecto, destacou tamén os contactos mantidos co embaixador de España en Caracas.
Feijóo insistiu en que o Goberno galego seguirá con atención este asunto, con expectación sobre a situación de Banesco ante a decisión do Goberno venezolano, pero coa mensaxe tranquilizadora sobre Abanca.
- Te recomendamos -