O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentou hoxe na cidade lucense os cursos que se desenvolverán coa colaboración da Fundación Laboral da Construción
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentou hoxe na cidade lucense un programa de formación á carta que apoia a Xunta para cualificar a 600 traballadores e traballadoras do sector da construción, que se desenvolverá coa colaboración da Fundación Laboral da Construción.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá preto de 400.000 euros nesta iniciativa, que se enmarca no programa de formación da Administración autonómica dirixido a persoas ocupadas dos sectores estratéxicos galegos, a través do que recibirán cualificación máis de 23.000 traballadores e autónomos. Para iso, estanse a desenvolver en centros homologados das catro provincias galegas 1500 cursos, para o que o Goberno galego está investindo 13 millóns de euros.
Marnotes sinalou que un dos retos actuais do Goberno galego é adaptar a formación para o emprego aos novos perfís profesionais que está demandando o tecido produtivo inmerso na transformación dixital. Destacou, ao respecto, a importancia de que as empresas poidan contar con traballadores formados á carta para que poidan ser máis competitivas e, por tanto, seguir impulsando en Galicia o emprego de calidade. En palabras do director xeral, a formación de calidade é unha prioridade para o Goberno galego e, por iso, está poñendo en marcha programas para favorecer a empregabilidade das persoas que buscan un posto de traballo e actualizar a formación das persoas que xa traballan.
Para iso, a Xunta ten tamén en marcha as Unidades Formativas na Empresa, tanto para desempregados como ocupados. En global, para estes dous programas destínanse 6,35 millóns en 2018, a través dos que se cualifica a desempregados con formación á carta na propia empresa, que ten que comprometerse a un mínimo de contratación; e a traballadores de empresas de sectores estratéxicos. como o naval, a silvicultura, transformación de madeira, fabricación de compoñentes electrónicos e ordenadores, automoción, aeronáutica, fabricación de mobles, edición de programas informáticos e telecomunicacións e actividades relacionadas coa informática.
- Te recomendamos -